Fest Galicia abre a convocatoria da tempada 2019 para a adhesión de festivais
Xa está aberta a nova convocatoria para que os festivais galegos que cumpran os requisitos se adhiran á marca Fest Galicia. O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a convocatoria, dirixida a festivais profesionais de música que se celebren entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2019.
A nova orde recolle varias novidades. Entre elas, a alianza entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia, que establece as condicións que deben reunir os eventos interesados en formar parte de Fest Galicia. A esta iniciativa destínanse 350.000 euros, cos que se prentende consolidar e impulsar esta estratexia de colaboración da Xunta con festivais considerados estratéxicos para promover o turismo musical de acordo con criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.
Nesta contía inclúese, así mesmo, a achega da Secretaría Xeral de Igualdade para as accións relacionadas coa difusión da campaña Agresión Off. Eu digo non á violencia sexual nos festivais asociados a esta nova temporada da marca. Ademais, en 2019 Fest Galicia vincularase estreitamente á promoción do Xacobeo 2021 no seu obxectivo común de favorecer o posicionamento e o fomento da industria cultural galega e de impulsar a proxección internacional de Galicia.
A colaboración materializarase a través da sinatura de contratos de patrocinio coas empresas organizadoras daqueles festivais que reúnan unha serie de condicións. Deben ser entidades privadas organizadoras de festivais de música, nas que a produción executiva corra a cargo dunha empresa produtora e conten cos seguintes requisitos:
– Que se celebren entre o 1 de xuño e o 30 de setembro de 2019.
– Que teñan realizado con anterioridade unha primeira edición.
– Que teñan un orzamento superior aos 100.000 euros (sen IVE) na edición de 2018.
– Que programen un mínimo de tres artistas por día durante, cando menos, dous días consecutivos.
– Que o 95 % da súa capacidade sexa cuberta por medio de entradas postas á venda ao público en xeral, conforme prezos medios de mercado.
– Que os promotores reúnan os requisitos de capacidade para contratar co sector público.
– Que implanten algunha medida preventiva ou coercitiva fronte a posibles impactos ambientais como medidas contra a xeración de residuos, emisións á atmosfera, xeración de ruídos, eficiencia enerxética, utilización de produtos reciclados ou reutilizados.
– Que cumpran a normativa básica en materia de espectáculos públicos e demais lexislación aplicable.
Prazo de solicitude
As solicitudes deberán presentarse ata o 8 de maio na Oficina do Rexistro Auxiliar de Turismo de Galicia, incorporando toda a documentación requirida, tanto administrativa como técnica, na forma que se especifica.
A finalidade de Fest Galicia é promover un turismo musical sostible, liderado por festivais estratéxicos para a nosa Comunidade dentro dunha iniciativa transversal da Xunta de Galicia.
Os festivais que se asociaron á primeira temporada de Fest Galicia foron PortAmérica, Resurrection Fest, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra Festival, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz e WOS Festival. Como parte desta iniciativa conxunta, acolleron nas súas edicións de 2018 unha serie de accións, obradoiros e campañas de sensibilización contra a violencia de xénero, de fomento do uso da lingua galega, de concienciación medioambiental ou de valores positivos para a xuventude, entre outras. Ademais, no ámbito da igualdade, apoiouse especificamente a programación musical con perspectiva de xénero e a incorporación de mulleres a todas as categorías profesionais.