Que é Fest Galicia?

É outra forma de facer festivais. Queres coñecer outra forma de vivir a experiencia?

Coñece a marca Fest Galicia

Evently

Síguenos en

Simply enter your keyword and we will help you find what you need.

What are you looking for?

Presentacion Fest Galicia Resurrection Fest 2019

A segunda temporada de Fest Galicia arranca no Resurrection baixo o lema ‘Festivais que fan camiño’

A segunda temporada de Fest Galicia, a marca a través da que a Xunta está a promover o turismo musical sostible e de calidade, arranca este mércores día 3 no Resurrection Fest de Viveiro, o máis grande e internacional de todos os festivais galegos. Esta será a primeira das 12 citas que forman parte desta iniciativa transversal, que en 2019 se desenvolve co lema Festivais que fan camiño. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitaron hoxe o recinto no concello de Viveiro acompañados dos organizadores da cita.

Para esta nova edición de Fest Galicia, deseñouse un espazo de difusión renovado e versátil, no que se continúa apostando polos materiais reciclados e que disporá de diferentes versións adaptadas a cada un dos festivais nos que a marca estará presente. Este stand funcionará como epicentro dunha serie de actividades e campañas de concienciación social e medioambiental, que no caso concreto do Resurrection serán impulsadas a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións.

Ademais, a marca da Xunta tamén lle dá soporte ao Chaos Stage, escenario onde este ano tocarán Dawn of Extinction, Inyourface e Arrhythmia, grupos gañadores do concurso RF Band Contest 2019 by Fest Galicia. Actuarán respectivamente o xoves, venres e sábado como parte desta décimo cuarta edición do Resurrection Fest, onde se poderán ver durante catro días destacados nomes internacionais da escena metal, rock, hardcore e punk, como Slayer, Parkway Drive ou Testament.

Sensibilización medioambiental

En canto ás accións promovidas pola Consellería de Medio Ambiente, o espazo Fest Galicia albergará un punto informativo, no que persoal especializado lles transmitirá aos asistentes a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente durante todo o festival. Neste sentido, elaborouse un Manual de eventos sustentables no que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: fomento do uso do transporte público e compartido, adoptando unha mobilidade sustentable e accesible; consumo de produtos alimenticios locais, ecolóxicos e de comercio xusto, e optimización do uso de auga e enerxía, reducindo o consumo eléctrico e promovendo a utilización de enerxías alternativas.

Ademais e en colaboración coas entidades xestoras da recollida de residuos, xestiónase o servizo de contedores para a separación de residuos durante as datas de celebración do festival.

Igualdade

O ámbito da igualdade centra tamén varias das accións desta segunda temporada Fest Galicia, que apoia tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos equipos de traballo, ademais de accións en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade enmarcadas na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual.

No caso do Resurrection e dentro do espazo Fest Galicia, persoal formado neste ámbito difundirá o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber para informar sobre como actuar en caso de agresións, ao tempo que se instalarán tótems en zonas visibles do festival coas mensaxes da campaña. Ademais, o sábado 6, de 17,30 a 20,30 h., desenvolverase o obradoiro Machismos Off co fin identificar condutas machistas, que se asumen como habituais, para facelas visibles como primeiro paso para loitar contra elas. Os participantes tamén poderán comentalas a través das súas redes sociais coas etiquetas #MachismosOFF #FestGalicia2019.

Promoción do galego

O uso da lingua é outro dos ámbitos nos que Fest Galicia segue a traballar nesta edición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obxectivo é convidar a xuventude a se relacionar de xeito responsable co medio e a facelo en galego. O sábado, no mesmo horario que o obradoiro de Igualdade, o comunicador Víctor Grande animará a mocidade a que achegue as súas ideas sobre actuacións de dinamización do uso da lingua galega. Realizarase, así mesmo, un concurso para adiviñar palabras en galego, no que as persoas asistentes poderán gañar sombreiros, bolsas e unha bici eléctrica, que se sortearán entre todas as gañadoras ao final desta temporada.​

O calendario Fest Galicia 2019 estenderase ata setembro, incluíndo outra cita esta mesma semana: o PortAmérica, que se celebra de xoves a sábado en Caldas de Reis. Este festival, xunto ao Resurrection Fest, conta co patrocinio privado derivado do Xacobeo 21. Completan a relación de eventos, que se benefician tamén da convocatoria de adhesión impulsada pola Xunta e dotada con 350.000 euros, Atlantic Fest, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia, 17º Ribeira Sacra, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival, Cantos na Maré e Caudal FEST, estes dous últimos como novas incorporacións.

Se segues navegando por este sitio e daslle a aceptar, significa que estás dacordo co uso de cookies. Máis información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar