Que é Fest Galicia?

É outra forma de facer festivais. Queres coñecer outra forma de vivir a experiencia?

Coñece a marca Fest Galicia

Evently

Síguenos en

Simply enter your keyword and we will help you find what you need.

What are you looking for?

presentacion estudo impacto fest galicia sobre atlantic fest 2019

O Atlantic Fest xera un impacto económico de 1,7 millóns na comarca de Arousa

O estudo de avaliación do impacto do Atlantic Fest cifra en 1,7 millóns de euros o retorno económico do festival en toda a comarca de Arousa, segundo os datos que foron presentados hoxe polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil. A Consellería de Cultura e Turismo está a impulsar a elaboración destes informes socioeconómicos nos eventos patrocinados pola Xunta baixo a marca FEST Galicia, que botou a andar o pasado verán co obxectivo de promover a nosa Comunidade como destino musical baixo criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social.

Como explicou Jacobo Sutil, da realización destes estudos encárgase o Grupo de Investigación en Economía da Cultura da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co apoio do Goberno galego. No caso do Atlantic Fest, que celebrou a súa cuarta edición na Illa de Arousa do 26 ao 28 de xullo, os resultados foron obtidos a partir de 1393 enquisas directas a asistentes e das cifras facilitadas polo propio festival. A súa codirectora, Susana Laya, interveu tamén na presentación, que tivo lugar este mediodía no Instituto Teconolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), xunto aos codirectores destes traballos: Francisco J. Sanjiao, profesor do Departamento de Economía Aplicada da USC, e Fran Núñez, autor así mesmo da súa metodoloxía orixinal.

Motor cultural, económico e turístico

Para o responsable da Agadic, o estudo arroxa datos moi útiles para difundir o valor dos festivais de música como motores culturais, económicos e turísticos das súas comarcas. Entre eles, a contabilización de máis de 9000 visitas (unhas 5300 persoas diferentes) nesta cuarta edición, das que un 18% procedían de fóra de Galicia, cun gasto medio por persoa e día estímase en 80 euros, sen incluír transporte.

Detallou tamén que o retorno do impacto económico se sitúa en 3,6 euros por cada euro investido polo festival, subliñando que esta contía se incrementa notablemente ao analizar a optimización do investimento público por parte da organización do evento. Neste caso, as marxes sitúanse entre 32,1 e 37,3 euros por cada euro dos preto de 27.000 adxudicados ao Atlantic a través da última convocatoria de subvencións da Agadic a festivais de música.

Entre outros datos salientables, detívose ademais na valoración do público, que puntúa esta cuarta edición cun 7,6 sobre 10, e en concreto, outorga notas por riba dos oito puntos a cuestións como a localización e integración na contorna, o trato do persoal, a sensación de seguridade ou o sistema de compra de entradas. Estas elevadas puntuacións esténdense do mesmo xeito aos intanxibles e ao impacto social: permite coñecer novos grupos de música (8,80) e ver en directo propostas musicais de calidade (8,83), xera un ambiente positivo (8,48), mellora o coñecemento da localidade (8,87) e a súa imaxe (8,33), xera impacto económico (8,77), atrae turismo (8,38) e favorece o orgullo local (8,16).

Perfil de asistente

Ao referirse ao perfil de asistente máis común (muller, galega, de entre 35 e 44 anos, con estudos universitarios, traballadora por conta allea e que acude en grupo de cinco o máis persoas), Sutil incidiu en que o Atlantic Fest se revela como motor turístico para a comarca, xa que “os asistentes actuais funcionan como prescritores de futuro tanto do festival como dos atractivos da súa contorna”.

Na presentación de hoxe, explicouse así mesmo o sistema de medición empregado: Avaliación 360º, unha metodoloxía pioneira e orixinal, que Fran Núñez desenvolveu na súa tese de doutoramento e que se explica nun manual editado pola Agadic. Grazas a el, os primeiros resultados do informe poden extraerse cunha gran rapidez, que porén non menoscaba a súa minuciosidade e rigorosidade académica.

Como no resto dos festivais estudados, o grupo de traballo da USC formou parte do equipo de FEST Galicia desprazado á Illa de Arousa, onde a marca contou cun stand propio desde o que se difundiron campañas de concienciación da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións. A súa implicación directa dá conta do carácter transversal desta iniciativa, a través da que este ano se patrocinan 12 festivais de toda Galicia. Neste caso, deuse soporte, ademais, ao escenario principal FEST Galicia-Xacobeo 2021 e mais ás pulseiras cashless que se empregaron para acceder ao recinto e como medio de pago.

O informe do Atlantic Fest enmárcase na segunda quenda de estudos de impacto ao abeiro de FEST Galicia, que en 2018 recolleu datos do Sinsal, PortAmérica, Revenidas, SonRías Baixas e Resurrection. Este verán súmanse tamén o Vive Nigrán, presentado a semana pasada, 17º Ribeira Sacra, Festival de la Luz, WOS Festival e Caudal Fest.

Se segues navegando por este sitio e daslle a aceptar, significa que estás dacordo co uso de cookies. Máis información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar