FEST Galicia 2020
Os festivais profesionais de música de verán que integran a marca FEST Galicia desenvolverán entre xullo e setembro de 2020, co apoio do programa 'FEST Galicia en liña Xacobeo 2021', concertos online e convocatorias presenciais de formato reducido para cumprir cos protocolos de distanciamento social. A continuación, podes ver unha breve descrición das actividades previstas por cada festival, clicando no seu nome 👇
Vive Nigrán (17-18 de xullo 2020)

O evento inclúe unha serie de actividades unificadas baixo o concepto de “Picnic-Pop Club”, con concertos de bandas españolas e galegas, e actividades náuticas para públicos de todas as idades. O festival contará con mochilas vibradoras para persoas con discapacidade auditiva.
Sinsal Litorial SON EG (22-26 de xullo 2020)

O Sinsal Litoral é un proxecto deseñado para pequenas audiencias en enclaves singulares das Rías Baixas, preto do mar. Este ano ofrece unha programación excepcional, na que se combinan andainas, cinema, poesía, actividades arredor do marisqueo, unha xornada sobre economía circular en San Simón, e concertos de artistas españois e galegos para aforos moi reducidos en emprazamentos de grande valor patrimonial como o Castelo de Soutomaior ou o mosteiro de Oia, onde estará ubicado o escenario Fest Galicia Xacobeo 21.
SonRías Baixas (31 de xullo-1 de agosto 2020)

En 2020 celebra unha edición epecial, o MicroSonRías Baixas, na que terán lugar acústicos de Arco e Rayden e sorpresas en espazos singulares. Redefine, ademais, o concepto de Destino SonRías, conxugando unha programación musical de calidade cunha coidada proposta de ocio activo, gastronómico y natural, profundamente integrada no territorio,
17º Ribeira Sacra Festival (31 de xullo-2 de agosto de 2020)

O 17º Ribeira Sacra Festival celebra en 2020 unha edición especial, centrada máis que nunca na singularidade do territorio, con moi poucas entradas disponibles e con grandes propostas estatais e galegas entre as que anuncian algunha sorpresa a bordo do catamarán de Doade.
Atlantic Fest (13 de agosto 2020)

Nesta atípica temporada non se celebrará o Atlantic Fest, aínda que si terá lugar un concerto exclusivo con La Bienquerida. Estade atent@s!
Resurrection Fest (28-29 de agosto 2020)

O Resurrection Fest organiza Resurrection Fest Edición XS, que se celebrará entre o 21 e o 30 de agosto e contará cunha parte presencial, con concertos de aforo reducido ata un máximo de 800 persoas, que se desenvolverán entre estritas medidas de seguridade, e outra edición en liña (28 e 29 de agosto).
Revenidas (10-13 de setembro 2020)

Este ano organiza o Revenidas en conserva: concertos e representacións artísticas multidisciplinares en distintas prazas de Vilaxoán e Vilagarcía, mesturando concertos de pago e gratuítos de artistas galegos e locais.
WOS Festival (19 de setembro 2020)

O WOS Festival desenvolverá a súa edición máis reflexiva cunha xornada do programa de conferencias WOS Talks X Fest Galicia o sábado 19 de setembro que se celebrará de forma presencial e online na Cidade da Cultura, e tamén a través de streaming.
Maré (24-27 de setembro 2020)

O Festival Cantos na Maré programará a edición especial Compostela na Maré con actividades musicais e sectoriais, que se desenvolverán en diferentes espazos singulares de Compostela e se poderán seguir tamén a través da rede.
Festival UNDERFEST (25-27 de setembro 2020)

O Festival UNDERFEST SON EG intégrase por primeira vez este ano na marca FEST Galicia, celebrará unha edición reducida o sábado 26 de setembro, con concertos en salas e teatros da cidade e tamén actividades na rúa.
Festival de la Luz (12 setembro 2020)

O Festival de la Luz ofrecerá Reencuentros de la luz, do que achegará información proximamente.