Que é Fest Galicia?

É outra forma de facer festivais. Queres coñecer outra forma de vivir a experiencia?

Coñece a marca Fest Galicia

Evently

Síguenos en

Simply enter your keyword and we will help you find what you need.

What are you looking for?

Presentacion Revenidas 2019

O Revenidas de Vilaxoán volve contar co apoio da Xunta a través de FEST Galicia e das subvencións a festivais de música

O festival Revenidas presentou hoxe a súa 16ª edición, que se celebrará en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa) do 9 ao 11 de agosto cun dobre apoio por parte da Xunta. Dunha banda, como adxudicatario das subvencións a festivais de música que a Consellería de Cultura e Turismo convoca cada ano a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e doutra, como un dos 12 encontros patrocinados na segunda temporada de FEST Galicia, a marca creada pola Administración autonómica para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

Así o explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, durante o acto que tivo lugar este mediodía no Parque Dona Concha e no que participou xunto a Xoan Quintáns, director do festival, e mais os responsables do resto das institucións colaboradoras. Contouse tamén coa intervención artística de Peter Punk, en representación do programa de actividades paralelas que complementan o cartel musical.

Sutil especificou que o festival recibe preto de 27.000 euros a través da liña de axudas da Agadic para este tipo de eventos musicais, dotada con 340.000 euros en 2019 e da que se benefician 16 festivais. Detallou, así mesmo, as medidas de apoio adicionais nas que se materializará a adhesión do Revenidas a FEST Galicia, un plan transversal da Xunta de Galicia que este ano se presenta baixo o lema común Festivais que fan camiño e do que tamén forman parte o Resurrection Fest, PortAmérica, 17º Ribeira Sacra, Vive Nigrán, Sinsal, Atlantic Fest, SonRías Baixas, Festival de la Luz, WOS Festival, Cantos na Maré e Caudal FEST, estes dous últimos como novas incorporacións. A Consellería de Cultura e Turismo dotou esta segunda edición da iniciativa con 350.000 euros, distribuídos entre os eventos participantes a través de contratos de patrocinio.

Escenario patrocinado

No caso concreto do Revenidas, FEST Galicia dálle soporte a un dos escenarios, que acollerá as actuacións de Erin, Mal Eleve, Hard GZ, Ferromona DJ, TNT, Rebeliom do Inframundo, Valira, Skacha, PlanB DJ, Chocolate Remix, Bastards on Parade, O Leo e Los Jinetes del Trópico, este último grupo como un dos gañadores do concurso de bandas Sonidos Mans, organizado pola Fundación Paideai Galiza coa colaboración da Agadic.

O festival contará tamén con Nao, Doctor Krápula, Gogol Bordello, Gambeat DJ, Gatillazo, Caligaris, Talco, El Niño de la Hipoteca, Flow de Toxo, Desakato, Baboom Show, Tribade, Terribles, Brassica Rapa e Thomas Dylan & Balea, así como con seis artistas nos concertos que se celebrarán a bordo da embarcación tradicional Chausula: Gabri Dakidarría, Ugía Pedreira, Zeltia Irevire, Gramola e, de novo, O Leo e Los Jinetes del Trópico. En total, poderanse escoitar nos tres días que durará o festival 32 bandas como parte dun cartel que se completa coa tradicional sardiñada popular, showcookings, unha feira de talentos e creatividades emerxentes, e a Gran Gala de Circo Solidaria a favor dos campamentos de refuxiados situados nas fronteiras europeas.

Preto de 880.000 euros de impacto na comarca

Ademais, FEST Galicia patrocina as pulseiras cashless do festival, que permiten o acceso ao recinto, onde serven tamén como medio de pago. Incorporan o control de aforo continuo a través da tecnoloxía RFID, ofrecendo datos que permitirán optimizar a seguridade e analizar parte do impacto do evento. De feito, a súa repercusión económica, social e mediática xa foi estudada o pasado ano como parte das accións de FEST Galicia, dando como resultado un informe que cifrou en preto de 880.000 euros o seu impacto económico na comarca de Arousa.

O director da Agadic indicou tamén que a marca contará en Vilaxoán cun espazo propio de difusión, renovado e versátil, que funcionará como epicentro das campañas de concienciación social e medioambiental impulsadas a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións.

Sensibilización medioambiental

Así, o espazo FEST Galicia albergará o venres 9 un punto informativo de Medio Ambiente, no que persoal especializado lles transmitirá aos asistentes a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente. Neste sentido, elaborouse un Manual de eventos sustentables no que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: fomento do uso do transporte público e compartido, consumo de produtos alimenticios locais, ecolóxicos e de comercio xusto, e optimización do uso de auga e enerxía, reducindo o consumo eléctrico e promovendo a utilización de enerxías alternativas. Por outra banda, en colaboración coas entidades xestoras da recollida de residuos, organizarase o servizo de contedores para a separación de residuos durante as datas de celebración do festival.

No coñecido como Festival das Linguas e a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, FEST Galicia desenvolverá dúas actividades centradas en promover o uso do galego entre a xuventude. O sábado 10, a partir das 14,00 h., o comunicador Víctor Grande animará a mocidade a que achegue as súas ideas sobre actuacións de dinamización do uso da lingua galega. Ademais, realizarase o concurso Pasa a palabra, no que os participantes poderán divertirse adiviñando verbas en galego e, con cada acerto, terán a oportunidade de facerse con sombreiros e bolsas, ademais de optaren a unha bicicleta eléctrica, que se sorteará entre todas as persoas gañadoras de cadanseu festival ao final da temporada.

Tamén o sábado, de 18,00 a 20,00 h., terá lugar outra actividade lúdico-formativa dirixida á mocidade na que se farán preguntas sobre Galicia en diferentes disciplinas marcadas nunha ruleta, onde os acertos suporán diferentes premios como pulseiras, camisetas ou bolsas de tea. O persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil será o encargado de desenvolver este xogo, ao tempo que ofrecerá información sobre os diferentes programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Igualdade

O ámbito da igualdade centra tamén varias das accións desta segunda temporada de FEST Galicia, que apoia tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos equipos de traballo, ademais de accións en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade enmarcadas na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. Persoal formado neste ámbito difundirá o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber para informar sobre como actuar en caso de agresións, ao tempo que se instalarán tótems coas mensaxes da campaña.

Ademais, o domingo 11, de 13,30 a 15,30 h., levarase a cabo o obradoiro Machismos Off, no que as persoas participantes identificarán condutas machistas que asumimos como habituais e faranas visibles nun encerado, como primeiro paso para loitar contra elas. Tamén poderán comentalas nas súas redes sociais coas etiquetas #MachismosOFF e #FestGalicia2019.

Se segues navegando por este sitio e daslle a aceptar, significa que estás dacordo co uso de cookies. Máis información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar