Que é Fest Galicia?

É outra forma de facer festivais. Queres coñecer outra forma de vivir a experiencia? Coñece a marca Fest Galicia

Evently

Síguenos en

Simply enter your keyword and we will help you find what you need.

What are you looking for?

presentacion festival vive nigran 2019

A Xunta patrocina o Vive Nigrán a través de actividades de concienciación, un estudo de impacto e o escenario de Fest Galicia

 O festival Vive Nigrán presentou hoxe a súa terceira edición, que se celebrará en Praia América os días 19 e 20 de xullo e que volve contar por segunda ocasión co patrocinio da Xunta como un dos 12 encontros adheridos á segunda temporada de FEST Galicia, a marca creada pola Administración autonómica para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, no acto que tivo lugar hoxe no propio recinto que acollerá o evento a vindeira fin de semana e no que participaron tamén Juan Rivas, Manuel Araújo e Félix Iglesias, directores do festival, xunto ao resto de representantes das institucións implicadas.

Jacobo Sutil detallou as medidas de apoio desta iniciativa transversal, que son adicionais á convocatoria anual de subvencións, e que este ano se presenta baixo o lema Festivais que fan camiño. Indicou tamén que a marca contará cun espazo propio de difusión, renovado e versátil, que funciona como epicentro dunha serie de actividades e campañas de concienciación social e medioambiental. Este posto funcionará como epicentro de campañas de concienciación social e medioambiental, que no caso concreto do Festival Vive Nigrán serán impulsadas a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións.

Contratos de patrocinio

Ademais de Vive Nigrán, o calendario de FEST Galicia 2019 comprende os xa celebrados Resurrection Fest e PortAmérica, e as citas que restan de aquí a setembro: 17º Ribeira Sacra, Atlantic Fest, Sinsal, SonRías Baixas, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival, Cantos na Maré e Caudal FEST, estes dous últimos como novas incorporacións. Formar parte de FEST de Galicia, suponlles acceder ao reparto de 350.000 euros cos que está dotada esta iniciativa, a través da sinatura de contratos de patrocinio.

Así, no caso de Vive Nigrán a marca da Xunta dálle soporte a un dos escenarios do evento, que acollerá as sesións de DJ Paul Church, DJ Isaac Pedrouzo, DJ Paula Docampo e DJ Picnic Pop. O festival contará tamén con Novedades Carminha, Ángel Stanich, Las Chillers, Hidrogenesse, Meneo, Delafé, Los Nastys, Los Vinagres, Monterrosa, Hickeys e Adriana Proenza. A programación completa o seu concepto de picnic pop festival con actividades náuticas, gastronomía, unha ruta a Cíes con concerto de Mounqup a bordo e obradoiros para público familiar.

Sensibilización medioambiental

O espazo FEST Galicia albergará o venres 19 un punto informativo de Medio Ambiente, no que persoal especializado lles transmitirá aos asistentes a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente. Neste sentido, elaborouse un Manual de eventos sustentables no que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: fomento do uso do transporte público e compartido, consumo de produtos alimenticios locais, ecolóxicos e de comercio xusto, e optimización do uso de auga e enerxía, reducindo o consumo eléctrico e promovendo a utilización de enerxías alternativas. Por outra banda e en colaboración coas entidades xestoras da recollida de residuos, xestionarase o servizo de contedores para a separación de residuos durante as datas de celebración do festival.

Igualdade

O ámbito da igualdade centra tamén varias das accións desta segunda temporada FEST Galicia, que apoia tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos equipos de traballo, ademais de accións en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade enmarcadas na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. En Vive Nigrán, persoal formado neste ámbito difundirá o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber para informar sobre como actuar en caso de agresións, ao tempo que se instalarán tótems coas mensaxes da campaña. Ademais, o sábado 20, de 19,00 a 21,00 h., desenvolverase o obradoiro Non me deas a chapa, enfocado a un público familiar, no que as persoas participantes poderán realizar chapas con mensaxes personalizadas en materiais fluorescentes e stickers relacionados coa prevención da violencia de xénero.

Galego e xuventude

O uso da lingua é outro dos ámbitos nos que FEST Galicia segue a traballar nesta edición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obxectivo é convidar a xuventude a se relacionar de xeito responsable co medio e a facelo en galego. O sábado, de 17,00 a 19,00 h., o comunicador Víctor Grande animará a mocidade a que achegue as súas ideas sobre actuacións de dinamización do uso da lingua galega. Realizarase tamén o concurso Pasa a palabra no que ademais de divertirse e adiviñar verbas en galego, os mozos e mozas participantes terán oportunidade de facerse con sombreiros e bolsas, ademais de optaren a unha bicicleta eléctrica, que se sorteará entre todas as persoas gañadoras de cadanseu festival ao final da temporada.

O venres de 19,00 a 21,00 h. desenvolveranse outras accións dirixidas á mocidade, como a centradas nunha actividade lúdico-formativa na que se farán preguntas sobre Galicia en diferentes disciplinas marcadas nunha ruleta. A medida que as persoas participantes vaian acertando preguntas conseguirán diferentes premios como pulseiras, camisetas ou bolsas de tea. O persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil será o encargado de desenvolver este xogo, ao tempo que ofrecerá información sobre os diferentes programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

Pulseiras cashless e estudos de impacto

Ademais, FEST Galicia patrocina as pulseiras cashless do festival, que permiten o acceso e serven como medio de pago. Incorporan o control de aforo continuo a través da tecnoloxía RFID, o que ofrece datos que permitirán controlar a seguridade e analizar parte do seu impacto. Esta información sumarase os resultados do estudo de campo que desenvolverá FEST Galicia en Vive Nigrán a través de enquisas ao público, co fin de obter datos sobre o retorno directo, indirecto e inducido do festival no seu territorio. As medicións serán realizadas por un equipo consultor integrado por especialistas do ámbito universitario e terán como resultado un informe de avaliación, que servirá como punto de partida para traballar sobre medidas que redunden nos valores que a marca promove. O ano pasado leváronse a cabo os do Resurrection Fest, PortAmértica, Sinsal, SonRías Baixas e Revenidas, aos que este ano se engaden os de Atlantic Fest, 17º Ribeira Sacra, Vive Nigrán, Festival de la Luz, Wos Festival e Caudal Fest.

Se segues navegando por este sitio e daslle a aceptar, significa que estás dacordo co uso de cookies. Máis información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar