Que é Fest Galicia?

É outra forma de facer festivais. Queres coñecer outra forma de vivir a experiencia?

Coñece a marca Fest Galicia

Evently

Síguenos en

Simply enter your keyword and we will help you find what you need.

What are you looking for?

Jacobo Sutil da Agadic na presentacion do festival SonRias Baixas 2019

A Xunta apoia o SonRías Baixas de Bueu mediante as subvencións a festivais e o patrocinio da marca Fest Galicia

O festival Sonrías Baixas presentou hoxe en Bueu a súa 17ª edición, que se celebrará na vila pontevedresa do 1 ao 3 de agosto cun dobre apoio da Xunta, xa que o evento resultou adxudicatario das subvencións da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e é tamén un dos 12 encontros patrocinados na segunda temporada de FEST Galicia, a marca creada pola Administración autonómica para promover o territorio galego como destino musical baixo criterios de calidade, sostibilidade e responsabilidade social.

Presentacion do festival SonRias Baixas 2019Así o explicou o director da Agadic, Jacobo Sutil, no acto que tivo lugar hoxe no recuperado estaleiro de Purro, e no que participaron tamén Jordi Lorenzo e Berta Domínguez, directores do festival, xunto ao resto de representantes das institucións e entidades implicadas.

Sutil especificou que o festival recibe este ano preto de 27.000 euros a través da liña de axudas da Agadic para este tipo de eventos musicais, dotada con 340.000 euros e da que se benefician outros 16 festivais. Detallou, así mesmo, as medidas de apoio adicionais nas que se materiualizará a adhesión do SonRías a FEST Galicia, que este ano se presenta baixo o lema común Festivais que fan camiño. Ademais de SonRías Baixas, o calendario de FEST Galicia 2019 comprende os xa celebrados Resurrection Fest, PortAmérica, 17º Ribeira Sacra, Vive Nigrán e as citas que restan de aquí a setembro: Sinsal, Atlantic Fest, Revenidas, Festival de la Luz, WOS Festival, Cantos na Maré e Caudal FEST, estes dous últimos como novas incorporacións. Formar parte de FEST de Galicia, suponlles acceder ao reparto de 350.000 euros cos que está dotada esta iniciativa, a través da sinatura de contratos de patrocinio.

Así, no caso do SonRías Baixas, a marca da Xunta dálle soporte a un dos escenarios, que acollerá a SÉS, Zea Mays, Ninhodelosrecaos DJ e unha última banda sorpresa que se desvelará nos próximos días. O festival contará tamén con La Pegatina, La M.O.D.A., Toteking, Iseo & Dodosound with the moushunters, Boikot, Nao, Segismundo Toxicómano, Periferia Norte, Zoo, Dubioza Kolektiv, Muyayo Rif, Dakidarría, Hakuna Tanaka, Som do Galpóm, Nius de nit e Ambigüo. En total poderanse escoitar nos tres días que durará o festival 19 bandas, máis que en ningunha das anteriores edicións. A programación complétase con experiencias gastronómicas e enolóxicas, e rutas de turismo activo.

Ademais, FEST Galicia patrocina as pulseiras cashless do festival, que permiten o acceso e serven como medio de pago. Incorporan o control de aforo continuo a través da tecnoloxía RFID, o que ofrece datos que permitirán optimizar a seguridade, así como analizar parte do impacto do evento. A repercusión económica, social e mediática SonRías xa fora analizada o pasado ano como parte das accións de FEST Galicia, o que deu como resultado un informe que cifrou en 1,14 millóns de euros o seu impacto en toda a comarca do Morrazo.

O director da Agadic indicou tamén que a marca contará cun espazo propio de difusión, renovado e versátil, que funcionará como epicentro de campañas de concienciación social e medioambiental impulsadas a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a Consellería de Política Social, a Secretaría Xeral da Igualdade e a Consellería de Cultura e Turismo, que coordina todas as accións.

Sensibilización medioambiental

O espazo FEST Galicia albergará o sábado 3 un punto informativo de Medio Ambiente, no que persoal especializado lles transmitirá aos asistentes a importancia de adoptar un comportamento ecoconsciente. Neste sentido, elaborouse un Manual de eventos sustentables no que se reflicten medidas para ter en conta a Axenda 2030 e os seus 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable: fomento do uso do transporte público e compartido, consumo de produtos alimenticios locais, ecolóxicos e de comercio xusto, e optimización do uso de auga e enerxía, reducindo o consumo eléctrico e promovendo a utilización de enerxías alternativas. Por outra banda, e en colaboración coas entidades xestoras da recollida de residuos, organizarase o servizo de contedores para a separación de residuos durante as datas de celebración do festival.

Igualdade

O ámbito da igualdade centra tamén varias das accións desta segunda temporada FEST Galicia, que apoia tanto a programación musical planificada con perspectiva de xénero como a incorporación de mulleres nos equipos de traballo, ademais de accións en colaboración coa Secretaría Xeral da Igualdade enmarcadas na campaña AgresiónOff: Eu digo non á violencia sexual. Persoal formado neste ámbito difundirá o Decálogo contra a violencia sexual: dez cousas que tes que saber para informar sobre como actuar en caso de agresións, ao tempo que se instalarán tótems coas mensaxes da campaña. Ademais, o sábado 2, de 12,30 a 14,30 h., desenvolverase o obradoiro Machismos Off, no que as persoas asistentes terán que identificar conductas machistas que asumimos como habituais e visibilizalas nunha pizarra como primeiro paso para loitar contra elas. Tamén poderán comentalas a través das súas redes sociais cos hashtags #MachismosOFF #FestGalicia2019.

Galego e xuventude

O uso da lingua é outro dos ámbitos nos que FEST Galicia segue a traballar nesta edición en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística. O obxectivo é convidar a xuventude a se relacionar de xeito responsable co medio e a facelo en galego. O venres, a partir das 20,00 h., o comunicador Víctor Grande animará a mocidade a que achegue as súas ideas sobre actuacións de dinamización do uso da lingua galega. Realizarase tamén o concurso Pasa a palabra no que ademais de divertirse e adiviñar verbas en galego, os mozos e mozas participantes terán oportunidade de facerse con sombreiros e bolsas, ademais de optaren a unha bicicleta eléctrica, que se sorteará entre todas as persoas gañadoras de cadanseu festival ao final da temporada.

O sábado, de 20,00 a 22,00 h., desenvolveranse outras accións dirixidas á mocidade, como a centradas nunha actividade lúdico-formativa na que se farán preguntas sobre Galicia en diferentes disciplinas marcadas nunha ruleta. A medida que as persoas participantes vaian acertando preguntas conseguirán diferentes premios como pulseiras, camisetas ou bolsas de tea. O persoal da Rede Galega de Dinamización Xuvenil será o encargado de desenvolver este xogo, ao tempo que ofrecerá información sobre os diferentes programas da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.  

Se segues navegando por este sitio e daslle a aceptar, significa que estás dacordo co uso de cookies. Máis información

Los ajustes de cookies de esta web están configurados para "permitir cookies" y así ofrecerte la mejor experiencia de navegación posible. Si sigues utilizando esta web sin cambiar tus ajustes de cookies o haces clic en "Aceptar" estarás dando tu consentimiento a esto.

Cerrar